Martín Códax Experiencias enoturísticas e culturais para coñecer o sabor do Atlántico

Experiencias enoturísticas para coñecer o sabor do Atlántico e actividades culturais, dentro da programación de verán de Bodegas Martín Códax

Martín Codáx

Bodegas Martín Códax presentou na súa bodega a programación de verán para os vindeiros meses de xullo, agosto e setembro.

 

Un percorrido polas salas de concertos e festivais de toda Galicia a través da fotografía, e una innovadora proposta enoturística baixo o nome ‘As tardes do Atlántico’, son algunhas das actividades que se celebrarán na bodega durante a época estival e que permitirán aos asistentes vivir unha máxica experiencia en sintonía coa paisaxe, a gastronomía e a viticultura do Val do Salnés.

Durante a presentación, á que asistiron medios de comunicación e bloggers, os participantes puideron somerxerse nunha cata-maridaxe con produtos da zona e unha selección de viños da cooperativa a cargo de Katia Álvarez, enóloga da bodega.

Martin Codax

As actividades que a bodega cambadesa ten preparada para a época estival inclúen unha exposición fotográfica e experiencias enoturísticas que reúnen a esencia do Atlántico nos sabores dos produtos de temporada e dos produtores que elaboran eses produtos con matices asiáticos e de fusión, pero sempre respectando os sabores, esencia e calidade da materia prima.

 

 

 

 

Dentro da oferta cultural para este verán atopamos, alén do ciclo de concertos Os Xoves de Códax, unha exposición fotográfica a cargo da fotógrafa galega Cris Andina.

Esta ribadense preséntanos unha selección das súas fotografías máis emblemática con temática musical dos últimos cinco anos, permitíndonos facer unha viaxe por diferentes salas e festivais de toda Galicia.

En ‘Música desde esta beira do Atlántico baixo a óptica de Cris Andina’, a fotógrafa plasma a través de músicos e cantantes a esencia e emoción das postas en escena e da propia esencia musical, achegando os momentos únicos que se dan sobre o escenario aos que contemplan os instantes que capta coa súa cámara.

Outra das novas actividades propostas dende a bodega para os seráns deste verán é unha innovadora experiencia enoturística para todos aqueles que queiran coñecer da grandeza do Atlántico e das Rías Baixas concentrada na nosa bodega. Por iso, ‘A terraza de Martín Códax presenta: As tardes do Atlántico’, unha viaxe a través dos sentidos pola esencia e tradición atlánticas.

Neste ciclo, a bodega propón unha nova forma de achegarnos aos produtos galegos dende unha nova óptica: maridaxes arriscados con queixos pouco coñecidos, empanadas artesanais, ou cun toque de fusión como os que propoñen os pratos de sushi japo-galego e dumplings que esconden no seu interior recheos elaborados coas esencia da cociña tradicional galega.

Falando de sabor atlántico, non poderían faltar os viños elaborados co froito dos viñedos do Val do Salnés. Katia Álvarez, directora de Enoloxía de Martín Códax, guiou a través da cata dos diferentes produtos da bodega a todos os asistentes á presentación, para que puidesen apreciar todos os matices, aromas e sabores do albariño.

A primeira Tarde do Atlántico celebrarase o vindeiro martes 3 de xullo, tarde na que serán protagonistas o vino e o sushi elaborado con produtos da zona. Todos os interesados en participar nesta actividade, que terá un prezo de 15 euros por persoa, deberán realizar reserva previa chamando á bodega ao teléfono 986 526 040 ou a través do correo electrónico enoturismo@martincodax.com.

PROGRAMACIÓN DE VERÁN

Exposición de fotografía de concertos

No compromiso da bodega coa cultura da zona, na programación estival contamos cun espazo para a fotografía con selo galego. A fotógrafa autodidacta Cris Andina, que non puido asistir á presentación, instalou na bodega a exposición de fotografía ‘Música desde esta beira do Atlántico baixo a óptica de Cris Andina’, un percorrido por diferentes salas de concertos e escenarios galegos, entre eles o Outono Códax Festival.

Na exposición, a fotógrafa ribadense fai unha selección de fotografías que representan unha viaxe dende os seus comezos neste tipo de fotografía ata o de agora, imaxes nas que mostra a esencia de intérpretes e músicos que capta co obxectivo da súa cámara, así como momentos máxicos, únicos, moitos deles irrepetibles, de artistas da terra e internacionais .

Sting, Macy Gray, Michelle David, pero tamén Luz Casal, Heredeiros da Crus ou Xoel López, son os protagonistas das instantáneas das experiencias musicais que Andina fai eternas coa cámara e que comparte con todos nós plasmada a xeito de fotografía.

A exposición, que contén imaxes tanto a toda cor como en branco e negro, está composta por un total de 28 fotografías que convidan a ver a evolución desta profesional da fotografía.

A terraza de Martín Códax Presenta: As tardes do Atlántico

¿A que saben, olen e soan as tardes do Atlántico? A nova oferta enoturística de Bodegas Martín Códax busca ofrecer unha experiencia totalmente atlántica a todos os que se acheguen a súa terraza. Para iso, bota man dos produtos protagonistas do Atlántico así como tamén dos seus produtores, para lograr poñer en sintonía aos participantes co entorno oceánico da terraza da bodega e sempre coa presenza do albariño.

Serán moitos e moi variados os produtos que terán cabida neste ciclo de catas que se celebrarán as tardes de martes, mércores e venres dos meses de xullo, agosto e setembro.

Os asistentes poderán saborear a calidade dos produtos tradicionais da zona reinventados a través de elaboracións que, ademais de respectar a materia prima, achegan notas asiáticas e de fusión. Sushi, dumplings, queixos e empanadas son algúns dos produtos que os asistentes poderán saborear na terraza da bodega, baixo a influenza oceánica.

Estas propostas gastronómicas serán unha maridaxe perfecta e innovadora coa que acompañar os diferentes viños da cooperativa, albariños cultivados e elaborados no Salnés.

A experiencia enoturística d’As tardes do Atlántico, que terá un prezo de 15 euros por persoa, terá aforo limitado, polo que para asistir será preciso facer reserva previa chamando á bodega ao teléfono 986 526 040 ou a través do correo electrónico enoturismo@martincodax.com.

O calendario d’As tardes do Atlántico estenderase ata o mes de setembro e compartirase de dúas en dúas semanas a través da páxina web e das redes sociais de Bodegas Martín Códax.

A continuación, presentamos o calendario para as primeiras dúas semanas:

3 de xullo: Viño e sushi

4 de xullo: viño e queixo

6 de xullo: viño e conservas

10 de xullo: viño e dumplings

11 de xullo: viño e empanada

13 de xullo: viño e conservas

As tardes do Atlántico son só unha das diferentes propostas enoturísticas que están a disposición dos interesados en coñecer máis sobre a viticultura das Rías Biaxas e, concretamente, sobre os viños Martín Códax. Para máis información, poden entrar na páxina web da cooperativa.

  • Os participantes

Cris Andina. Fotógrafa (Ribadeo)

Fotógrafa totalmente autodidacta, a ribadense Cris Andina comezou na fotografía de concertos en 2012 por cuestións do azar, captando momentos únicos das postas en escena en espectáculos que percorren toda Galicia. Dende entón, foi fotógrafa en varias salas e festivais, entre eles o Outono Códax Festival.

Ademais de fotografía musical, Andina realiza outro tipo de traballos, como os retratos. Actualmente, conta cunha exposición de retratos homenaxe a actores e actrices de teatro.

Alejandro Montes. Propietario de Quesería Marqués de Valladares (Vigo)

Natural de Asturias, Alejandro Montes vivía en Madrid onde traballaba dirixindo un centro deportivo. Foi a paixón polo queixo o que o trouxo a Galicia para establecer o seu negocio, que abriu hai pouco máis de dous meses, a Quesería Marqués de Valladares.

Máis alá de facer queixos, Alejandro Montes trata de crear produtos con alma e historia propias que se transmiten a través do seu sabor, ofrecendo unha experiencia de compra única.

Ruth Mesonero e Miguel Rodríguez. Propietarios de Chao Da (Vigo)

Ruth Mesonero e Miguel Rodríguez , propietarios do restaurante Chao Da, comezaron os seus estudos de cociña en Galicia, pero formáronse arredor de toda España e no estranxeiro. Tras traballar ambos en diferentes restaurantes londinenses, deciden volver a súa casa para seguir formándose en panadería e pastelería da man de Jose Preira.

Pero en 2012 apostan por probar de novo fóra do país e viaxan ata Singapur, onde traballan durante cinco anos en diferentes restaurantes empapándose da cociña asiática. Agora tratan de achegar eses sabores da verdadeira cociña das rúas de Asia a través de Chao Da, un pequeno bar que abriu as súas portas a comezos deste 2018 en Vigo.

Marcos Cerqueiro e Iago Pazos. Propietarios de Loxe Mareiro (Carril)

Naturais de Santiago de Compostela e da Pobra do Caramiñal, respectivamente, estes dous mozos emprendedores cruzaron os seus camiños en Abastos 2.0., en 2009. Este sería só o comezo, despois do que chegaría a apertura de varios negocios nos que sempre primou o respecto pola calidade do produto, un deles Loxe Mareiro, en Carril.

Iago Pazos, cunha grande experiencia no sector hoteleiro, é un buscador de tendencias culinarias e un cazador-de-gastroconceptos que se define a si mesmo como un “contador de historias”.

Marcos Cerqueiro, que comezou a súa carreira como taberneiro de casas de comidas e banquetes e grandes hoteis de vangarda en Barcelona, é moi bo coñecedor dos tempos entre fogóns e o cliente. Defensor do produto autóctono e fresco, é precursor da Cociña DO (d) Mercado.

Juan Carlos Silva. Marketing Manager en Frinsa (Ribeira)

Marketing Mangaer na conserveira Frinsa, un dos maiores fabricantes europeos de túnidos e mariscos en conserva. Fundada en 1961 en Ribeira, o obxectivo da empresa é achegar o sabor das rías galegas a través dos seus mariscos e peixes, buscando a maior calidade dos seus produtos e unha produción sostible e respectuosa co medio ambiente.

Katia Álvarez. Directora de Enoloxía de Martín Códax (Cambados)

Con varios anos de experiencia no sector vitivinícola ás súas costas, principalmente coa uva albariña, Katia Álvarez fíxose cun nome entre as grandes enólogas do país, á altura de enólogos de importantes bodegas como Vega Sicilia, Marqués de Cáceres ou Torres. O seu traballo e empeño para entender a uva e levala a súa máxima expresión sendo fiel a súa orixe, valeulle para que, en 2017, a revista especializada en viños The Drink Business a situara entre as dez mellores enólogas de España.

Ciclo musical Os Xoves de Códax

A nota musical dentro desta programación cultural e enogastronómica pona a VII edición de Os Xoves de Códax, ciclo de concertos que xa é unha cita musical máis do verán das Rías Baixas. O evento reúne na terraza da bodega a artistas e grupos tanto galegos como doutras partes do mundo no serán dos xoves dos meses de xullo e agosto.

Este ano os concertos comezarán o 5 de xullo con Guadi Galego e Iván Ferreiro, nunha edición na que a música con raíces galegas se fusiona, entre outros, con pop, ritmos brasileiros e flamenco.

Martes día 4 de xullo ás 12.00 horas poranse á venda as entradas para os concertos do mes de agosto. Para mercalas é preciso facelo a través da tenda online da web da bodega (www.martincodax.com).

O calendario completo das actuacións desta edición 2018 é:

5 de xullo – Guadi Galego & Iván Ferreiro

12 de xullo – Xabier Díaz & Adufeiras do Salitre

19 de xullo – Marcos Teira y Translations Quinteto & La Negra

26 de xullo – Uxía & DePedro

2 de agosto – Banda Xangai

9 de agosto – Forro Mior & Najla Shami

16 de agosto – Pancho Amat + El Cabildo del Son

23 de agosto – Jenny and The Mexicats & Toñyto García

Para máis información:

Sandra Mourelos

Dep. Comunicación Bodegas Martín Códax

sandra.mourelos@martincodax.com TLF: 986526040

www.martincodax.com

www.facebook.com/BodegasMartinCodax

www.twitter.com/BodMartinCodax

Deja un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies